Presentación

Entre o 30 de setembro e o 1 de outubro de 2022, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza as I Xornadas Galegas de Psicoloxía Educativa “Psicoloxía educativa, sempre emocionando”.

A Psicoloxía Educativa é clave para o desenvolvemento das competencias dos procesos educativos ao longo de todo o ciclo vital.

Exercemos a nosa actividade a través de múltiples funcións de prevención, avaliación, diagnóstico e tratamento do desenvolvemento psicolóxico nos contextos educativos: centros, consultas e gabinetes privados, asociacións, equipos da administración pública…

Desde a nosa perspectiva temos presente o binomio aprendizaxe/emoción, tanto a través de estudos e investigacións como desde a psicoloxía aplicada, e desde o Comité Organizador así o queremos trasladar neste encontro no que nos enriqueceremos profesionalmente.

Nestas xornadas pretendemos visibilizar a necesidade de contar con profesionais da Psicoloxía Educativa e a súa utilidade. Non só é unha demanda da comunidade educativa senón que a sociedade no seu conxunto está a demandar psicólogos e psicólogas expertas para o acompañamento emocional dos menores nunha complexa conxuntura social.

Esperamos un frutífero intercambio profesional coa vosa participación.